lunes, 20 de diciembre de 2021

TODO O QUE FIXEMOS NO NADAL 2021

 Na seguinte presentación podemos ver todos os vídeos cos traballos realizados polo alumnado para ambientar o Nadal; as panxoliñas cantadas e bailadas e a dramatización do alumnado de 6º de Infantil "Cando os Grinch roubaron o Nadal".

Chega o tempo de descansar e estar en familia. Coidádevos moito! 

BO NADAL E FELIZ ANINOVO



domingo, 12 de diciembre de 2021

TEATRO POLO NADAL invitados pola ANPA do colexio

 

Na mañá do venres, 10 de decembro, todo o colexio acudiu ao Teatro Pastor Díaz de Viveiro para ver  o espectáculo da compañía MOC MOC, invitados pola ANPA do cole.

A actuación fíxonos reflexionar sobre  a cantidade de  agasallos que soemos pedir polo Nadal e que compartir é moito mellor.

Despois do teatro fumos visitar o gran Belén e fixemos un percorrido polas rúas de Viveiro, aproveitando un pouco de bo tempo.


Pasámolo moi ben! 

Dámoslles as grazas a ANPA por ofrecernos este agasallo tan especial.




viernes, 10 de diciembre de 2021

TRABALLOS DE OUTONO

 Cando o outono fai a súa aparición con el adoitan chegar as primeiras choivas, os ventos e as temperaturas máis frías.

É entón cando comezan a resultarnos irresistibles os pratos de alimentos propios desta época (cabaza, cogomelos, etc...) ademais dos pratos de culler ben quentiños.
Por isto e para dar a coñecer os alimentos propios desta estación, os nosos nenos/as pasaron a ser cociñeiros/as e elaboraron as súas receitas do outono, que recopilamos nun libro que quedará exposto na nosa biblioteca.
No seguinte vídeo, podedes ver: unha pequena mostra destas receitas tan apetitosas (pero temos moitísimas mais) e os murais tan bonitos que elaboraron, acompañados pola canción do "Outono" do poema de Xóan Neira, interpretada tamén polos nenos/as do noso cole.
 

 

sábado, 4 de diciembre de 2021

3 de decembro, DIA INTERNACIONAL DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE

O 3 de decembro celébrase o Día Internacional das Persoas con Discapacidade co obxectivo de promover os seus dereitos e o seu benestar en todos os ámbitos da sociedade, así como concienciar sobre a súa situación en todos os aspectos da vida política, social, económica e cultural. Asegurar que poidan exercer os seus dereitos, sen ningún tipo de discriminación, é a nosa prioridade. E para concienciar ó noso alumnado, durante esta semana fixemos as seguintes actividades: 
  •  Exposición de libros inclusivos.

  • Lectura do conto "Supernenos"
Esta é unha bonita historia que axuda a concienciar aos máis pequenos de que as diferenzas non nos separan, senón que nos unen. O conto pretende cambiar a forma de ver a discapacidade e lanzar unha mensaxe de respecto, integración e tolerancia cara aos nenos e as nenas con diversidade funcional. Esperamos que vos guste tanto coma a nós!

  • Elaboración de dous cadros-murais dos alfabetos: Dactilolóxico e Braille.
  •   Canción "Bos Dias" na linguaxe de signos.

viernes, 3 de diciembre de 2021

CHARLA INFORMATIVA SOBRE O ALZHEIMER

 

Na mañá do venres, 3 de decembro, persoal do Centro de Día Alzheimer Celeiro (a enfermeira, Rocío e o psicólogo sanitario, Carlos) impartiron unha charla informativa para o noso alumnado de 5º e 6º curso de Primaria.

Esta actividade forma parte do Programa Interxeracional entre o Centro de Día de Celeiro e o no colexio que se desenvolverá durante o presente curso.

As nenas e nenos responderon a cuestións previas que lles fixeron tanto Rocío como Carlos e despois da charla informativa poideron realizar preguntas sobre o tema, do cal están moi sensibilizados, pois a maioría tiveron ou teñen familiares afectados polo Alzheimer.




miércoles, 1 de diciembre de 2021

SUPERARTE con Charo Pita

 Hoxe tivemos a visita no noso cole de Charo Pita, escritora galega de moitísimas obras, dentro da iniciativa do Concello de Viveiro "Superarte"

Os alumnos/as de 3º e 4º puideron disfrutar do relato do seu conto "A carreira", que nos conta a historia dun neno con TEA.

O próximo venres, 3 de decembro, celebramos o Día Internacional da Discapacidade e son varias a actividades que estamos realizando esta semana, sendo esta unha máis, co fin de concienciar ó noso alumnado da diversidade do ser humano e igualdade de oportunidades.



viernes, 26 de noviembre de 2021

25N no CEIP de CELEIRO

O día 25 de novembro, a comunidade educativa deste centro escolar conmemora o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres

Nesta data queremos reclamar a atención da sociedade e dos gobernos sobre o feito de que a violencia contra as mulleres e as nenas é unha das formas de violencia máis estendida no mundo. 

Asemade, queremos manifestar o noso compromiso de traballar para previr a violencia contra as mulleres en todas as súas manifestacións e combater calquera outro tipo de violencia:

  • Facer respectar os dereitos das mulleres e das nenas. 
  • Opoñerse a todo tipo de violencia contra as mulleres tanto física como verbal. 
  • Aprender a relacionarnos respectuosa e solidariamente. 
  • Utilizar modelos e mensaxes cooperativos e dialogantes.

 

sábado, 20 de noviembre de 2021

DÍA DOS DEREITOS DA INFANCIA

 

O 20 de novembro, é O Día Universal do Neno.

É un día de celebración polos avances conseguidos, pero sobre todo, é un día para chamar a atención sobre a situación dos nenos máis desfavorecidos e para dar a coñecer os dereitos da infancia co fin de concienciar ás persoas da importancia de traballar día a día polo seu benestar e desenvolvemento.

Presentamos a continuación, un resume explicado para todos os nenos/as,  de cales son os seus dereitos e os seus deberes.




jueves, 18 de noviembre de 2021

NOVEMBRO MES DA CIENCIA NO NOSO COLEXIO

 Novembro, Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas - 2021

Esta semana os nosos nenos/as están a experimentar nas súas aulas.

Están a aprender moitas cousas, xogando, gozando e experimentando.

Nos seguintes vídeos, podedes ver unha pequena mostra dos seus experimentos.




Nenos/as de 1º  Ed.Primaria



Nenos/as de 2º  Ed.Primaria



Nenos/as de 4º  Ed.Primaria




viernes, 12 de noviembre de 2021

CELEBRAMOS O MAGOSTO

 Na mañá do 11 de novembro, DÍA DE SAN MARTIÑO, celebramos o xa tradicional MAGOSTO que por estas datas adoitamos facer no noso colexio. Foi un día estupendo e pasámolo moi ben!!!

  •  Participamos no circuito de xogos que nos preparou a profesora  de Educación Física, Mª José.
  •  O alumnado de 6º curso de Primaria, xunto coa súa titora Susana, preparou unha coreografía.
  • Tamén nos acompañaron dous gaiteiros, o profesor de 5º, José Antonio e o pai e Antón, David.    
  •  Eles foron, coa súa música, os encargados de amenizar a degustación das castañas asadas, que aínda que estaban un pouquiño duras o sabor era moi bo. Grazas ás familias pola súa aportación.

Como recordo do día a profesora Bibiana 

elaborou un vídeo que recolle as actividades do día.


 

 

jueves, 28 de octubre de 2021

CHEGOU O SAMAÍN!

Despois da festa do Día Das Bibliotecas, estivemos preparando a chegada do Samaín.... Na aula de música repasamos as cancións sobre esta celebración e, tódalas aulas, participaron na ambientación dos corredores e da nosa Biblioteca, con moitas manualidades que elaboraron os nenos e nenas.

No seguinte vídeo poderedes ver como está o colexio cheo de pantasmas, esqueletos, cabazas, arañas.... e moitas moitas meigas, ademáis temos un castelo xigante no que mañá nos faremos moitas fotos.


Tamén, desde a Biblioteca, elaboramos unha pequena guía sobre as recomendacións lectoras para que poidades gozar lendo e tremer moito... que é do que se trata nesta data tan especial.                         Premede na imaxe


E como colofón final, o venres, 29 de outubro, fumos disfrazados ao cole e tivemos sesións de contacontos.

Foi un día moi especial!

 

 

 

No seguinte vídeo podemos ver un resumo desta gran celebración.


ECO RETO DO MES DE OUTUBRO

Este ano Voz Natura, no seu 25 aniversario, propuxo unha serie de retos para fomentar accións de proteción, concienciación e recuperación medioambiental. O eco reto do mes de outubro ten como obxectivo a limpeza da natureza.

Esta semana continuamos coas actividades propostas para o desenvolvemento do Proxecto Documental deste curso: ”Coñecemos Celeiro”. Neste caso, todos os cursos fixemos unha saida pola nosa contorna para realizar as fotos para o noso calendario, visitando lugares ”emblemáticos” da nosa parroquia.
Os nenos e nenas de primaria aproveitaron esta pequena excursión para cumprir o eco reto deste mes. Neste video podedes ver a nosa pequena contribución para un Celeiro máis limpo.


 

 

sábado, 23 de octubre de 2021

DIA DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES

O 24 de outubro celebramos o Día das Bibliotecas Escolares, e... Sabedes porque adicamos un día especial ás Bibliotecas Escolares? 

Pois porque as bibliotecas escolares son moi importantes, xa que son as únicas bibliotecas polas que pasa toda a xente en idade escolar do noso pobo.

E nós temos a gran sorte de ter a nosa biblioteca, a Bibliosoños, pola que pasaron moitos dos nosos pais, nais, familiares e moitos compañeir@s e amig@s.

Por iso, aproveitando esta data, o venres, fixemos un pequeno homenaxe a nosa Biblioteca, e cada nen@ levou para a súa casa un libro que permaneceu moitos anos neses estantes e que pasou por moitísimas casas. Unha forma símbólica para que agora, ese libro, quede nunha casa e non regrese a Bibliosoños.

Ademáis dos libros, levaron unha chapa moi especial da nosa mascota Rufo.

E como non podía faltar, recordamos a canción adicada tamén a nosa Biblioteca

 

 

 

Deixámosvos un vídeo resume da nosa festa.



viernes, 8 de octubre de 2021

XOGOS NOS PATIOS DE RECREO

 Dende o centro e en colaboración coa ANPA do colexio, estamos a elaborar un proxecto para dinamizar os patios de recreo:  

  • A idea é pintar xogos no chan que axuden a que o tempo de lecer das mañás sexa máis divertido para o alumnado.
  • Por iso pedimos a vosa opinión e especialmente a dos vosos fillos/as para elixir as actividades que vos parezan máis entretidas.

Podedes ver algunhas propostas na seguinte presentación:


martes, 5 de octubre de 2021

VISITA CLUB BALONCESTO VIVEIRO

O pasado venres, 1 de outubro, tivemos a visita  dun adestrador do CLUB BALONCESTO VIVEIRO para dar a coñecer o traballo do club ao alumnado de 3º e 4º de Primaria.

Cada grupo desfrutou dunha sesión de iniciación ao baloncesto co obxectivo de animar ao alumnado a practicar este divertido deporte.

Dende aquí animamos a todos os nenos/as do colexio a apuntarse xa que é ben sabido que   

O DEPORTE É SAÚDE GAÑADA E DIVERSIÓN ASEGURADA


 

sábado, 2 de octubre de 2021

Coñecemos a Confraría e a Lonxa de Celeiro (5º e 6º de Primaria)

Comezamos as actividades complementarias neste novo curso no que imos levar a cabo un proxecto documental que nos vai axudar a coñecer moito máis o noso pobo: CELEIRO.

O alumnado de 5º e 6º de Primaria, xunto cos seus mestres, participaron  na actividade programada pola Confraría de Celeiro: MARIÑEIROS POR UN DÍA.


A actividade consistiu na presentación da Confraría como Institución e o seu labor; tamén coñeceron de preto a lonxa, o seu funcionamento, diversas clases de peixes... Foi unha mañá moi aproveitada por todo o noso alumnado que recibiu diversos agasallos: un tríptico informativo, camisetas...

          PREME NA IMAXE PARA VISUALIZAR O VÍDEO         

TRÍPTICO